Estatutos

Ano 1971: Primeiros Estatutos 
Enlace ao documento



Ano 2002: Estutos actuais

  Art.1º. Esta agrupación cultural constitúese no Concello de Ribadeo, denominándose “FRANCISCO LANZA”, e rexerase pola vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Direito de Asociación e demais lexislación existente en matéria de Asociacións que lle sexa aplicábel, dentro do marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico.

 Art.2º.  Son fins da Asociación: 
a) A defensa, difusión e promoción da cultura e língua galegas nas suas distintas manifestacións.

b) Organización de conferéncias e colóquios, asi como de cursos públicos de carácter cultural.

c) A convocatória de concursos de poesia, contos e pintura, ou de calquera outra actividade artística ou literária.

d) A celebración de recitais poéticos e a representación de teatro lido e escénico.

e) A edición dunha publicación literária própria, e doutras variadas.

f)   A práctica de deportes.  

Art.3º. O domicílio da Agrupación fixase no domicílio do/da seu/sua presidente/a, ou ali onde o acorde a Asemblea Xeral, comunicándollo ao organismo pertinente. Neste momento radicará en R/ San Lázaro, 16, 27700 Ribadeo. 

Art.4º. O ámbito territorial de actuación da Agrupación comprende o concello de Ribadeo. Constitúese por tempo indefinido e disolverase, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos/das asociados/as expresada en Asemblea Xeral convocada ao efecto, ou por calquera das causas previstas nas leis, asi como por senténcia xudicial firme.  

Art 5º. A Xunta Directiva, como órgano de representación da asociación, será competente para interpretar os preceitos contidos nos Estatutos, someténdose en todo momento á normativa legal vixente en matéria de Asociacións. Os presentes Estatutos serán desenvolvidos e cumpridos mediante acordo que validamente adopten a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dentro das suas respeitivas competéncias.   

TÍTULO II


 DOS ÓRGANOS DIRECTIVOS E DA FORMA DE ADMINISTRACIÓN.  

Art.6º. A Dirección e Administración da Asociación serán exercidas polo/a Presidente/a, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

 Art.7º. O/A presidente/a da Asociación, que o será tamén da Xunta Directiva, asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra. 

Art.8º. A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación, de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral. Estará formada por un/unha Presidente/a, un/unha Vicepresidente/a, un/unha Secretário/a, un/unha Vicesecretário/a, un/unha tesoureiro/a e dous vocais. Só poderán formar parte da Xunta Directiva aquelas persoas que ostenten a condición de asociados/as, que sexan maiores de idade, teñan o pleno uso dos direitos civis e non estexan incursos nos motivos de incompatibilidade estabelecidos na lexislación vixente. 

Art.9º. Os cargos que compoñen a Xunta Directiva elixiranse pola Asemblea Xeral, entre todas as candidaturas que se apresenten, resultando elixida de entre todas elas aquela que obteña máis votos, tras un prévio proceso no que se fará a apresentación de cada unha delas e do seu programa de goberno pola persoa que as encabece. En todo caso nas candidaturas apresentadas á Xunta Directiva deberán estar perfectamente determinados e distribuídos os distintos cargos da mesma entre os seus integrantes. Os cargos da Xunta Directiva durarán un período de 4 anos, ainda que poderán ser obxecto de reeleición, renovándose por metade cada dous anos. Na primeira quenda serán renovados o/a Vicepresidente, o/a Vicesecretário/a e un/unha vocal; e na segunda quenda, aos dous anos seguintes, o/a Presidente/a, o/a Secretário/a, o/a Tesoureiro/a e outro/a Vocal. O primeiro mandato dos cargos da segunda quenda de renovación durará 1 ano máis. 

Art.10º. Os/as membros da Xunta Directiva non percibirán retribución polo cargo desempeñado. 

Art.11º. É función da Xunta Directiva, programar e dirixir as actividades sociais, e levar a xestión administrativa e económica da Asociación, someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de gastos e ingresos, asi como o estado de contas do ano anterior. 

Art.12º. A Xunta Directiva celebrará as suas sesións cantas veces o determine o/a Presidente/a, a iniciativa própria ou a petición de polo menos tres dos seus compoñentes. Será presidida polo/a Presidente/a e, na sua auséncia, polo/a Vicepresidente/a, e a falta de ambos os dous, polo membro da Xunta Directiva que teña máis idade. Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados por maioria de votos dos asistentes, sendo precisa a concorréncia, polo menos da metade máis un dos seus membros, incluídos o/a Presidente/a e o/a Secretário/a ou que estatutariamente os substituan. Das sesións o/a Secretário, ou ao seu defecto, o/a Vicesecretário/a, levantarán acta, que se trancribirá ao Libro de Actas. 

Art.13º. Os membros da Xunta Directiva presidirán as Comisións que a própria Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de demandar das mesmas as informacións necesárias. Formarán parte, ademais, das ditas Comisións o número de Vocais que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus/suas respeitivos/as Presidentes/as. 

Art.14º. O/A Presidente/a da Xunta Directiva terá, ademais das faculdades asignadas no Art.-7º, as seguintes atribucións: a)      Convocar e levantar as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións de unha e outra, decidindo con voto de calidade no caso de empate.b)      Propór o plano de actividades da Asociación á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as suas tarefas.c)      Ordenar pagamentos acordados validamente.d)      O/A Presidente/a estará asistido/a nas suas funcións polo/a Vicepresidente/a, que ademais o substituirá nos casos de vacante, auséncia ou enfermidade. 

Art.15º. O/A Secretário/a recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro de Rexistro de Sócios/as e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Auxiliarao nas suas funcións e substituirao nas suas auséncias o/a Vicesecretário/a. 

Art.16º. O/A tesoureiro/a recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación e dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente. Asi mesmo, formalizará o orzamento anual de ingresos e gastos, asi como o estado de contas do ano anterior, que deben ser apresentadas á Xunta Directiva, para que esta, á sua vez, os someta á aprobación da Asemblea Xeral. 

Art.17º. Cada un dos compoñentes da Xunta Directiva terá os deberes próprios do seu cargo, asi como os que nazan das delegacións ou comisións que a própria Xunta lles encomende. Incumbirá de maneira concreta ao/á Secretário/a, no seu caso, ao/á Vicesecretário/a, velar polo cumprimento das disposicións legais vixentes en matéria de Asociacións, custodiando a documentación oficial da entidade e facendo que cursen á Delegación Provincial da Conselleria de Xustiza, Interior e Relacións Laborais as comunicacións sobre designación da Xunta Directiva, celebración de Asembleas Xerais, formalización do estado de contas e aprobación dos orzamentos anuais. 

Art.18º. A Asemblea Xeral é o órgano supremo de governo da Asociación, integrada polos asociados, que adopta os seus acordos polo princípio maioritário ou de democrácia interna, e que se reunirá sempre que o acorde a Xunta Directiva, por própria iniciativa ou polo que acorde a décima parte dos seus asociados. Obrigatoriamente a Asemblea Xeral deberá ser convocada en sesión ordinária, polo menos unha vez ao ano, para aprobar o Plano Xeral de actuación da Asociación, censurar a xestión da Xunta Directiva, aprobar, no seu caso, os orzamentos anuais de ingresos e gastos, asi como o estado de contas correspondentes ao ano anterior e cantas outras se sometan á votación no capítulo de rogos e perguntas. 

Art.19º. A Asemblea Xeral convocarase polo Xunta Directiva, con carácter extraordinário, cando o esixan as disposicións vixentes, o acorden os membros da Xunta Directiva ou o solicite un número de asociados non inferior ao 10 por cento, e, en todo o caso, para a modificación dos Estatutos, asi como para elixir os membros da Xunta Directiva, disposición ou alleamento de bens, determinación das retribucións dos membros da Xunta Directiva, disolución da Asociación, expulsión de asociados a proposta da Xunta Directiva, aprobación do regulamento de réxime interno da asociación e a solicitude da Declaración de Utilidade Pública. Tamén é da sua competéncia a Constitución de Federacións, Confederacións ou Unións, ou a sua integración nelas. 

Art.20º. As convocatórias das Asembleas Xerais, tanto Ordinárias como Extraordinárias, serán feitas por escrito, expresando o lugar, data e hora da reunión, asi como a orde do dia. Entre a primeira convocatória e o dia da reunión deberán mediar polo menos quince dias naturais; a segunda convocatória realizará-se média hora máis tarde da primeira. Asi mesmo incluirán-se na orde do dia das convocatórias aqueles asuntos propostos por un número de asociados da asociación non inferior ao 10 por 100, que as apresentarán perante o Secretário da Xunta Directiva cnha antelación mínima de sete dias á celebración das sesións das Asembleas Xerais. 

Art.21º. A convocatória da Asemblea Xeral extraordinária de modificación dos Estatutos da asociación estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de sete dias para que calquera asociado poida dirixir ao Secretário as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 dias á realización da mesma. 

Art.22º. As Asembleas Xerais Ordinárias ou Extraordinárias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatória, cando concorran a elas, presentes ou representados, a metade máis un dos/das asociados/as, e en segunda convocatória cando asistan a décima parte dos mesmos. 

Art.23º. Os acordos da Asemblea Xeral adoptarán-se por maioria simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen aos negativos. Non obstante, requirirán maioria cualificada das duas terceiras partes das persoas presentes ou representadas, os acordos relativos á disolución da asociación, modificación dos Estatutos e disposición ou alleamento de bens. 

Art.24º. A Xunta Directiva reserva-se o direito de decisión sobre situacións non contempladas nestes Estatutos, sempre que non sexan incompatíbeis coas xa existentes e non estexan en contradición coa Lei vixente reguladora do direito de asociación e demais disposicións regulamentárias que a desenvolvan. 

Art.25º. Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a via para recorrer perante a xurisdición ordinária. 

Art.26º. A Asociación disporá dunha relación actualizada dos seus asociados/as, levará unha contabilidade que reflicta a imaxe fiel do património, do resultado e da situación finaceira da entidade, asi como as acividades realizadas, efectuará un inventário dos seus bens e recollerá nun libro de Actas as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.  

TÍTULO III


DOS/DAS ASOCIADOS/AS, DIREITOS E OBRIGAS


   Art.27º. Poderán ser membros da Asociación, libre e voluntariamente, as persoas físicas e as persoas xurídicas, legalmente constituídas, sexan estas públicas ou privadas, que dalgunha maneira teñan interese en servir os fins da mesma e sexan admitidos pola Xunta Directiva, a cal poderá outorgar o nomeamento de membro honorário ás persoas que estime oportuno, a título meramente honorífico, sen que iso leve consigo a condición xurídica de asociado. As persoas físicas deberán ter capacidade de obrar e non estarán suxeitas a ningunha condición legal para o exercício do direito. Os menores non emancipados de máis de catorce anos necesitarán o consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suprir a sua capacidade. As persoas xurídicas de natureza asociativa requirirán, para formar parte da asociación, o acordo expreso do seu órgano competente, e as de natureza institucional o acordo do seu órgano rector. 

Art.28º. Aquelas persoas que desexen pertencer á Asociación, solicitaráno por escrito ao Presidente, o cal dará conta á Xunta Directiva, que resolverá sobre a admisión ou inadmisión do/a asociado/a con recurso perante a Asemblea Xeral. 

Art.29º. Os/as asociados/as poderán solicitar a sua baixa na Asociación voluntariamente, en calquera tempo, pero isto non os eximirá de satisfacer as obrigas que teñan pendentes con ela. A Xunta Directiva poderá separar ou expulsar da Asociación a aqueles asociados que os fagan indignos de seguir pertencendo á mesma, asi como adoptar calquera outra medida disciplinária contra aqueles. A separación ou expulsión, asi como calquera outra medida disciplinária adoptada, será precedida de expediente no que deberá ser oído o interesado, o cal será informado dos feitos que dean lugar a tais medidas, debendo ser motivado o acordo que, no seu caso, impoña a sanción. Este acordo, en todo caso, deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral, e contra a sua resolución poderá-se recorrer perante a xurisdición ordinária. 

Art.30º. Os Asociados terán os seguintes direitos:  
a)      Participar nas actividades que promova a Asociación e nos actos sociais que organice para todos os asociados.

b)      Gozar de todas as vantaxes e benefícios que a Asociación poda obter.

c)      Asistir e exercitar o direito de voz e voto nas Asembleas Xerais. En todo caso cada asociado que sexa persoa xurídica terá direito a un só voto.

d)      Ser nomeado membro da Xunta Directiva, na forma que prevén os Estatutos.

e)      Ser informado sobre a composición da Xunta Directiva da asociación.

f)        Que se lle poña de manifesto o estado de contas e ingresos e gastos da Asociación todos os anos, asi como o desenvolvimento da sua actividade.

g)      A impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrários á lei e aos Estatutos. 

Art.31º. Os/as asociados/as poderán ser sancionados pola Xunta Directiva por infrinxir os presentes Estatutos, ou os acordos da Asemblea Xeral ou a própria Xunta Directiva. As sancións poden comprender desde a suspensión dos seus direitos durante un mes, ata a separación definitiva da Asociación, nos mesmos termos que prevé o artigo 29º. 

Art.32º. Serán obrigas de todos/as os/as asociados/as: 
a) Compartir finalidades da asociación e colaborar para a consecución das mesmas.

b)  Observar unha boa conduta individual e cívica.

c)  Acatar os presentes estatutos e os acordos validamente adoptados pola Asemblea  Xeral.

d)  Aboar as cotas periódicas, derramas e outras contribucións que acorde a Asemblea Xeral.

e) Desempeñar fielmente as obrigas inerentes ao cargo que desempeñen.f)        Cumprir o resto de obrigas que resulten destes Estatutos.  

TÍTULO IV


DO RÉXIME ECONÓMICO E DA DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN


 Art.33º. A Asociación carece de património e o seu orzamento anual é indeterminado ou, no seu caso, será o que se determine a princípios de cada ano pola Asemblea Xeral. 

Art.34º. A data de peche do exercício económico da asociación sera a de 31 de decembro, e as contas da asociación serán aprobadas anualmente pola Asemblea Xeral, polo que deberán ser postas previamente a disposición dos asociados durante un prazo non inferior a 15 dias ao sinalado para a celebración da referida Asemblea Xeral. 

Art.35º. Os recursos económicos previstos para o desenvolvimento das actividades sociais serán os seguintes: 
a)      As cotas periódicas que acorde a Asemblea Xeral.

b)      As cotas extraordinárias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea

.c)      Os produtos dos bens e direitos que lle correspondan, asi como as subvencións, legados, doazóns que poida recibir en forma legal.

d)      Os ingresos que obteña a Asociación mediante o exercício de actividades económicas lícitas que acorde realizar a Xunta Directiva, incluídas as prestacións de servizos, deberán destinar-se exclusivamente ao cumprimento dos seus fins estatutários. 

Art.36º. A administración dos fondos da Asociación, levará-se a cabo sometida á correspondente información e coa publicidade suficiente, a fin de que todos os/as asociados/as poidan ter coñecimento periodicamente do destino dos mesmos, sen prexuízo do direito consignado a este respeito no apartado g) do art. 30º destes Estatutos. 

Art.37º. No caso de disolverse a Asociación, a Asemblea Xeral que acorde a disolución, nomeará unha Comisión Liquidadora, composta por cinco membros, a cal farase cargo dos fondos que existan, para que, unha vez satisfeitas as obrigas, o remanente, se o houber, sexa entregado a calquer entidade legalmente constituída, con domicílio nesta província, que se adique a iguais, ou no seu defecto, análogos fins que esta asociación, ou a unha entidade benéfica. Asi mesmo, no caso de insolvéncia da asociación, a Xunta Directiva, ou, se é o caso, os liquidadores nomeados pola Asemblea Xeral, promoverán de inmediato o oportuno procedimento concursar perante o xuíz competente.  En proba de conformidade cos presentes de Estatutos, asinan todos os membros da directiva actual da Agrupación Cultural Francisco Lanza.                                                            

                                   En Ribadeo, a 27 de agosto de 2002                                                      

 DILIXÉNCIA para facer constar que estes estatutos da Agrupación Cultural Francisco Lanza foron modificados para adaptalos ás previsións da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, por acordo da Asemblea Xeral Ordinária celebrada ao efecto o dia 27 de agosto de 2002.                                                                       

                                                                          Ribadeo, 28 de agosto de 2002.                                                                       

                                               O Secretário                             A Presidenta    

Comentarios